O Porriño, 23 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño xa ten todo preparado para a celebración da noite de San Xoán, unha cita marcada no calendario festivo e cultural do municipio, cun total de 16 fogueiras autorizadas. Trátase dunha das noites máis emblemáticas do ano, onde tradición e seguridade van da man para garantir unha xornada sen incidentes.

Das fogueiras autorizadas, oito están organizadas por entidades veciñais e culturais, concretamente pola Asociación Comisión de Festas da Costeira de Mosende, a Asociación Cultural A Forna de Budiño, a Asociación Cultural Cruz de Budiño, a Asociación Cultural As Mimosas de Carracido, a Asociación de Festas San Benito Albarín, a Asociación de Veciños O Castelo de Cans, o Círculo Recreativo Cultural e a Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, situada no centro urbano do Porriño. Xunto a estas, súmanse oito fogueiras promovidas por particulares que contan coas correspondentes autorizacións municipais.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, anima a toda a veciñanza a participar con entusiasmo pero tamén con responsabilidade: “Queremos que esta noite sexa un punto de encontro para celebrar o inicio do verán, pero tamén unha festa segura. Desde o Concello realizamos un importante labor de prevención, mais é fundamental a colaboración cidadá para evitar calquera risco”.

Medidas de seguridade para as fogueiras 

O Concello lembra que todas as fogueiras deberán instalarse en espazos abertos, afastados de vexetación e de calquera instalación eléctrica ou telefónica, mantendo unha distancia mínima de 15 metros respecto a edificacións ou árbores. A estrutura non poderá exceder os 4 metros de diámetro nin os 2 metros de altura, e os asistentes deberán respectar unha distancia de seguridade equivalente ao tamaño da fogueira. Só se permitirá a queima de madeira natural, como leña, polas ou toros, estando terminantemente prohibido o uso de plásticos, pneumáticos, sprays ou calquera material que desprenda gases tóxicos ou supoña un perigo.

As persoas solicitantes dos permisos serán as responsables da vixilancia e extinción total da fogueira, que non poderá quedar desatendida en ningún momento. O Concelleiro de Seguridade, Abel Estévez, destaca que varias áreas municipais están implicadas neste dispositivo, desde a Policía Local e Protección Civil, ata os servizos de limpeza, desbroce, colocación de contedores, iluminación e baños portátiles, garantindo así unha cobertura integral antes, durante e despois da celebración.