• Unha oportunidade transformadora de formación e camiño para mozos e mozas de 18 a 29 anos, totalmente gratuíta

O Porriño, 13 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño súmase á difusión do proxecto Pegadas, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, que busca mellorar a empregabilidade da mocidade a través dunha experiencia formativa e vivencial única: realizar o Camiño de Santiago Portugués xunto a outros mozos e mozas de Galicia, Portugal e España.

A iniciativa está dirixida a persoas de entre 18 e 29 anos, e ofrece formación online, unha expedición de cinco días polo Camiño e acompañamento profesional. Todo o proceso é totalmente gratuíto, incluíndo a formación, transporte, manutención, aloxamento e material necesario (mochila, chuvasqueiro, camiseta e gorro).

Como participar:

As persoas interesadas deben inscribirse a través da web oficial do proxecto: https://pegadas.eu

Unha vez inscritas, recibirán acceso a unha formación online de 40 horas, centrada en temáticas como novas tecnoloxías, pensamento crítico, emprendemento e sostibilidade. Superada esta etapa, pasarán a formar parte dunha base de datos de participantes elixibles para as expedicións do camiño, nas que estarán acompañados por persoal técnico e formadores especializados.

Datas das expedicións (2025):

  • Xuño: do 16 ao 20 · do 23 ao 27
  • Xullo: do 21 ao 25 · do 28 ao 1 de agosto
  • Setembro: do 1 ao 5 · do 8 ao 12 · do 15 ao 19 · do 22 ao 26 · do 29 ao 3 de outubro

Un proxecto para medrar

“Desde o Concello do Porriño animamos á nosa mocidade a participar nun proxecto que combina formación, mobilidade, experiencias compartidas e valores como o esforzo, a convivencia e o coñecemento do territorio”, destacou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “O proxecto Pegadas é unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade e fortalecer a autoestima, as capacidades sociais e profesionais dos nosos mozos e mozas”.

Toda a información e inscricións están dispoñibles na web oficial do proxecto:
👉 https://pegadas.eu