- Esta actuación forma parte dun proxecto global que contempla a creación de dezaoito postos de traballo cun investimento total superior aos 282.000 euros, dos cales máis de 211.000 euros son achegados pola Deputación.
- Nos próximos días iniciarase o proceso de selección de varios perfís técnicos, que se incorporarán para apoiar outros departamentos municipais e continuar ampliando este impulso ao emprego local.
O Porriño, 24 de maio de 2025.– O Concello do Porriño vén de incorporar trece persoas desempregadas que se integrarán en distintos departamentos municipais no marco da iniciativa de fomento do emprego local, impulsada pola Deputación de Pontevedra a través da Liña 3 do Plan máis Provincia 2025. Esta actuación forma parte dun proxecto global que contempla a creación de dezaoito postos de traballo cun investimento total superior aos 282.000 euros, dos cales máis de 211.000 euros son achegados pola Deputación.
As novas contratacións cobren perfís profesionais variados, todos eles orientados a reforzar os servizos públicos municipais. No departamento de obras incorporáronse un oficial de primeira carpinteiro, un soldador e un palista, que desenvolverán tarefas de mantemento e mellora en espazos públicos e instalacións municipais. No servizo de parques e xardíns, cinco peóns forestais encargaranse de labores de roza, limpeza e acondicionamento de zonas verdes e contornos naturais.
Tamén se reforzará a atención nas instalacións municipais coa incorporación de catro conserxes, que prestarán servizo en diferentes dependencias. Pola súa parte, a Unidade Asistencial de Drogodependencias contará cun auxiliar de enfermaría, que apoiará nas tarefas de seguimento e atención ás persoas usuarias.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “cada posto que se crea abre unha porta a novas posibilidades. Sabemos que hai persoas que levan tempo buscando unha oportunidade, e este tipo de iniciativas serven precisamente para iso: para dar ese primeiro paso, para volver entrar no mundo laboral e sentirse útil. É unha das formas máis directas de apoiar ás persoas e, ao tempo, mellorar os servizos que prestamos desde o Concello”.
Estas contratacións permiten reforzar áreas esenciais da administración local e, ao mesmo tempo, facilitar a inserción laboral de veciños e veciñas que atopaban dificultades para acceder ao mercado de traballo.
A concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, sinalou que “hai moitas persoas con capacidade e disposición para traballar que só precisan que alguén lles dea unha oportunidade. Desde o Concello queremos seguir sendo esa porta de entrada, ese empurrón que moitas veces marca a diferenza”.
Ademais, nos próximos días iniciarase o proceso de selección de varios perfís técnicos, que se incorporarán para apoiar outros departamentos municipais e continuar ampliando este impulso ao emprego local.
Con esta acción, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción do emprego, a inclusión social e o fortalecemento dos servizos públicos, a través da colaboración entre administracións e políticas que ofrecen respostas concretas ás necesidades da cidadanía.