- As actividades, dirixidas ao alumnado de 3º da ESO, buscan previr o consumo de substancias aditivas e promover estilos de vida saudables entre a mocidade, mediante formación, reflexión e adquisición de habilidades persoais.
O Porriño, 23 de maio de 2025.– O Concello do Porriño está a desenvolver os programas “Recoñecéndonos” e “Xoga Limpo” nos institutos do municipio co obxectivo de previr condutas aditivas entre a mocidade. Estas accións son posibles grazas ao financiamento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que apoia proxectos municipais centrados na promoción de hábitos de vida saudables.
Impulsados pola Concellería de Sanidade e a OMIX, os programas están dirixidos ao alumnado de 3º da ESO e céntranse en proporcionar ferramentas para evitar adiccións, recoñecer riscos e fomentar un desenvolvemento persoal consciente e responsable.
A concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, subliña que esta colaboración co Goberno galego é esencial para levar a cabo iniciativas deste tipo: “Grazas ao apoio da Consellería de Sanidade podemos desenvolver accións que chegan directamente á mocidade. O obxectivo é claro: previr o desenvolvemento de condutas aditivas, reducir a súa incidencia e promover hábitos de vida saudables desde a adolescencia”, afirmou.
O programa “Recoñecéndonos” inclúe catro sesións presenciais nas que se tratarán cuestións como o consumo de alcol, tabaco, bebidas enerxéticas e cannabis, ademais de aspectos sobre xénero, adolescencia, factores de risco e protección. Tamén se prevé formación para o profesorado como axente clave na detección e acompañamento do alumnado.
Pola súa parte, “Xoga Limpo” reforza a educación en valores a través do respecto, o autocontrol e a toma de decisións responsables, tanto no contexto escolar como no deportivo e social.
Ambos programas contan coa intervención de profesionais especializados no eido da prevención e, no pasado ano, chegaron a máis de 250 estudantes porriñeses.
Con estas accións, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, reafirma o seu compromiso coa saúde pública e co apoio aos concellos na loita contra as condutas aditivas. O Concello do Porriño continúa traballando para garantir unha mocidade informada, crítica e con capacidade para construír un futuro libre de adiccións.