- Numerosas persoas se achegaron para degustar distintas variedades de mel e coñecer máis de preto o traballo das apicultoras e apicultores
O Porriño, 20 de maio de 2025.– Con motivo do Día Mundial da Abella, o Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo, celebrou esta mañá unha cata de mel organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, co obxectivo de poñer en valor este produto e concienciar á veciñanza sobre a importancia das abellas na conservación do medio ambiente.
A actividade desenvolveuse na Praza do Concello, onde numerosas persoas se achegaron para degustar distintas variedades de mel e coñecer máis de preto o traballo das apicultoras e apicultores. Esta iniciativa forma parte do compromiso do Concello coa divulgación e posta en valor da apicultura como actividade clave para o equilibrio do ecosistema.
A concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinalou que “o mel representa un produto de grande valor, resultado dun labor minucioso que cómpre recoñecer. Con esta cata, que contou co apoio da Agrupación Apícola de Galicia, continuamos sumando accións que reforzan a nosa Feira do Mel e promoven o coñecemento sobre o mundo das abellas.”
Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo afirmou que “desde o Concello do Porriño seguiremos traballando da man das entidades do sector para protexer o noso entorno e fomentar o respecto pola natureza. As abellas son imprescindibles para a vida, e celebracións como a de hoxe axudan a visibilizar o seu papel fundamental.”