• Douscentos ciclistas das categorías máster e xuvenil participarán esta fin de semana nunha proba por etapas que percorrerá os concellos de Mos, Ponteareas e O Porriño, nun desafío que mestura esixencia física, organización exemplar e paixón polo ciclismo galego.

O Porriño, 30 de abril de 2025.– O Concello do Porriño foi escenario esta mañá da presentación oficial da IX Challenge As Rías Baixas, unha das citas máis importantes do ciclismo galego, que reunirá a douscentos corredores das categorías máster e xuvenil durante a fin de semana do 3 e 4 de maio. A proba, organizada polo club ciclista Master da Louriña, percorrerá os municipios de Mos, Ponteareas e O Porriño nun percorrido esixente que combina tramos en liña e contrarreloxo.

No acto participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, así como os seus homólogos de Ponteareas e Mos, Nicolás Rodríguez e Camilo Grandal, respectivamente. Tamén asistiron o presidente do club organizador, Juan José Álvarez Cerdeira, por parte da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez,  Rafael Pérez, representando a unha das empresas patrocinadoras do evento deportivo e Horacio Barros.

Alejandro Lorenzo salientou a importancia que ten para O Porriño ser sede dunha proba desta dimensión, afirmando que “a Challenge As Rías Baixas é moito máis ca unha competición deportiva; é unha oportunidade para mostrar o dinamismo e o compromiso dos nosos concellos coa promoción da actividade física e coa organización de eventos de primeiro nivel”. O rexedor destacou tamén o impacto positivo que terá na economía local e no tecido asociativo, animando a toda a cidadanía a vivir esta festa do ciclismo.

Pola súa parte, Abel Estévez destacou o traballo conxunto realizado entre administracións e entidades deportivas para facer realidade esta nova edición. “Estamos moi orgullosos de acoller unha cita que combina deporte de alto nivel e participación cidadá”, asegurou o concelleiro de Deportes, quen engadiu que “o ciclismo representa valores fundamentais como o esforzo, a solidariedade e a superación, principios que desde O Porriño queremos seguir impulsando entre os máis novos”.

A IX Challenge As Rías Baixas desenvolverase en tres etapas moi esixentes. O sábado 3 de maio disputarase o Gran Premio de Mos, cun percorrido en liña de 79 quilómetros e 800 metros de desnivel acumulado. Esa mesma tarde terá lugar a contrarreloxo individual de Ponteareas, sobre un trazado técnico de 11 quilómetros. O domingo 4, o Gran Premio do Porriño pechará a competición cun percorrido de 85 quilómetros e preto de 1.000 metros de desnivel, nunha etapa que decidirá os vencedores finais.

O evento premiará aos líderes das diferentes clasificacións xerais e de especialidades, co obxectivo de fomentar a competitividade e a emoción ata a última pedalada. Desde a organización e os concellos implicados convidan a todos os veciños e visitantes a apoiar aos corredores, convertendo esta IX Challenge As Rías Baixas nunha verdadeira festa do ciclismo galego.