- Biscuits Galicia supera as 800 toneladas de produto comercializado e factura arredor de 4 millóns de euros anuais.
- A exportación representa actualmente entre o 6 e o 7 % da facturación da compañía, coa previsión de chegar ao 20 % nos próximos anos.
O Porriño, 29 de abril de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Industria, Carlos Martínez, acompañaron este luns á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, na visita á planta de Biscuits Galicia, situada no polígono de As Gándaras, para celebrar o 20 aniversario da firma nada en Vigo hai dúas décadas.
Durante o acto, Ana Ortiz subliñou que “estamos ante unha empresa de referencia para o sector, modélica polo seu investimento en modernización tecnolóxica e tamén un exemplo de internacionalización”. A delegada destacou ademais o apoio do Goberno galego á compañía a través de proxectos de innovación organizativa, tecnolóxica e dos programas Re-Acciona.
Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo quixo recoñecer o papel de Biscuits Galicia no tecido industrial do Porriño: “Biscuits Galicia é un orgullo para o noso concello. Representa á perfección os valores de innovación, esforzo e apertura ao exterior que queremos impulsar no Porriño. Empresas como esta son un motor fundamental para o noso desenvolvemento económico e para a creación de emprego estable e de calidade”, salientou.
Biscuits Galicia foi a primeira fábrica de galletas da nosa comunidade e en 2024 superou as 800 toneladas de produto comercializadas. Conta cun cadro de persoal de 26 traballadores e factura arredor de 4 millóns de euros anuais, elaborando tres familias de produtos: galletas e pastas para café, madalenas e masas brandas, e cracker. Ademais, a empresa está presente en toda España —especialmente no noroeste— e tamén en mercados internacionais como Portugal, Bélxica, China e Reino Unido. A exportación representa entre o 6 e o 7% da súa facturación, coa previsión de alcanzar o 20% nos vindeiros anos.
O concelleiro de Industria, Carlos Martínez, puxo en valor a traxectoria da compañía e destacou a importancia de apoiar o seu crecemento: “O éxito de Biscuits Galicia nestes vinte anos demostra que apostar pola modernización e pola internacionalización é o camiño para fortalecer o noso tecido industrial. Desde o Concello seguiremos traballando para apoiar ás nosas empresas e fomentar un entorno favorable ao seu desenvolvemento”, explicou.
O Concello do Porriño felicita a Biscuits Galicia polo seu aniversario e reafirma o seu compromiso de apoio ás empresas locais que, como esta, son exemplo de innovación, internacionalización e crecemento sostible.