• O mercado contará con máis de 35 postos de particulares e asociacións sen ánimo de lucro, ofrecendo unha ampla variedade de produtos.
  • Completarase cunha ampla oferta gastronómica grazas aos foodtrucks e postos de coctalaría, permitindo desfrutar de boa música acompañada dunha variada proposta culinaria.

O Porriño, 29 de abril de 2025.– Esta fin de semana, O Porriño converterase no epicentro dunha iniciativa pioneira para fomentar o consumo responsable: o Fli-Po Market, o primeiro mercado sostible do municipio, organizado polo Concello do Porriño. A Praza 8 de Marzo, na Avenida de Galicia, será o escenario deste evento que ofrecerá un espazo para a compra, venda e intercambio de produtos de segunda man, acompañado dunha intensa programación de actividades lúdicas, música en directo e gastronomía.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou na presentación celebrada hoxe na Casa Consistorial que “o Fli-Po Market supón unha oportunidade para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir residuos e apostar pola reutilización, co obxectivo de converter O Porriño nun referente en iniciativas sostibles. Ademais, é unha aposta firme pola innovación e a sensibilización ambiental”.

Pola súa banda, a concelleira de Mercados e Medio Ambiente, Antía Carrera, manifestou que “este evento pretende dar visibilidade á economía circular e ofrecer unha alternativa sostible de consumo, especialmente no sector téxtil, un dos máis contaminantes. Apostamos por un mercado que dinamice o municipio, implicando a tódalas idades nunha experiencia enriquecedora e consciente”.

O Fli-Po Market dará comezo o sábado 3 de maio ás 11:30 horas e prolongarase ata as 22:00 horas, coa participación de profesionais do sector, asociacións sen ánimo de lucro e foodtrucks. Durante esta xornada, o ambiente estará amenizado coa actuación de Mondieu Dúo ás 13:00 horas, ofrecendo música para acompañar a hora do vermú. Pola tarde, celebrarase o obradoiro “Do vidro á eco-creatividade” impartido por Kolbéh, unha iniciativa destinada a nenos e nenas maiores de 11 anos. A música volverá ser protagonista a partir das 20:00 horas coa actuación de Maison e da Escola de Música do Porriño, culminando cun concerto de Somoza Trío.

O domingo 4 de maio, o Fli-Po Market abrirá as súas portas ás 12:00 horas, ofrecendo máis de 35 postos de particulares e asociacións sen ánimo de lucro, nos que se poderá atopar unha ampla variedade de produtos de segunda man. A programación incluirá o obradoiro “Macramé con refugalos téxtiles” impartido pola empresa local Hypathia, onde se traballará con materiais reciclados. A música continuará coa actuación de Sálvora Trío, e xa pola tarde, terá lugar un obradoiro artístico con Retoque Retro centrado na reutilización de residuos mariños. Para pechar o evento, ás 19:30 horas, actuarán Toño López & Bafana Bafana.

Durante toda a fin de semana estará habilitada unha zona de troco permanente de roupa e libros, cun máximo de tres pezas por persoa. As persoas participantes poderán entrar nun sorteo que se celebrará o domingo tras a última actuación. Tamén haberá unha zona de doazón de libros e roupa, destinada a protectoras de animais e hospitais.

O evento contará coa presenza de diversas protectoras como INMA, Rescue Galicia, Colonias Canguesas, Ohana, Palleiros, Isla de Tali e Proxecto Gato, así como de asociacións sen ánimo de lucro como Cáritas. A través dos seus postos, darán a coñecer o seu labor e ofrecerán produtos para recadar fondos que lles permitan continuar coa súa actividade.

O mercado completarase cunha ampla oferta gastronómica grazas aos foodtrucks e postos de coctalaría, que permitirán aos asistentes desfrutar de boa música acompañada dunha variada proposta culinaria.

Dende o Concello do Porriño animan a toda a cidadanía e visitantes a sumarse a esta primeira edición do Fli-Po Market, un evento que fusiona consumo responsable, sustentabilidade, lecer e cultura nunha proposta única e innovadora.