• A actividade, de un día de duración, inclúe o desprazamento en autocar, seguro de viaxe, almorzo tipo pícnic, xantar, e visitas culturais de gran interese.
  • O prazo para presentar solicitudes abrirá o mércores ás 9:00 horas, e cada persoa só poderá reservar unha única praza por formulario.

O Porriño, 21 de abril de 2025.– O Concello do Porriño organiza unha excursión gratuíta a Madrid o martes 6 de maio, cun atractivo programa cultural que permitirá á veciñanza descubrir a pegada do arquitecto porriñés Antonio Palacios na capital do Estado.

A actividade, de un día de duración, inclúe o desprazamento en autocar, seguro de viaxe, almorzo tipo pícnic, xantar, e visitas culturais de gran interese: o Museo do Metro de Madrid, situado na histórica Estación de Chamberí; unha visita panorámica polo Madrid de Antonio Palacios; e a exposición Madrid Metrópoli. A saída será desde o Pavillón Municipal de Deportes.

A excursión, dirixida exclusivamente a persoas empadroadas no Porriño, conta con 50 prazas que se asignarán por orde de inscrición no rexistro municipal. O prazo para presentar solicitudes abrirá o mércores 23 de abril, ás 9:00 horas, e cada persoa só poderá reservar unha única praza por formulario.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que “a excursión combina cultura, coñecemento e participación cidadá. Será unha experiencia enriquecedora que permitirá descubrir fóra da nosa vila o valor e a dimensión da figura de Antonio Palacios, dun xeito accesible e compartido”.

Con esta proposta, o Concello reafirma a súa aposta por difundir o patrimonio local, fomentar o interese pola arquitectura e promover a cultura a través da participación da veciñanza.