O Concello do Porriño vén de ampliar o prazo de inscrición para participar no “FLI-PO Market”, o primeiro mercado sostible que se celebrará na vila os días 3 e 4 de maio na Praza 8 de Marzo. As persoas interesadas en contar cun posto de venda ou intercambio de produtos de segunda man poderán presentar a súa solicitude ata o venres 25 de abril ás 14:00 horas, tanto de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, como a través da sede electrónica municipal.

O evento desenvolverase ao longo de dúas xornadas. O sábado 3 de maio, en horario de 11:30 a 22:00 horas, estará enfocado á participación de profesionais do sector, mentres que o domingo 4 de maio, de 12:00 a 21:00 horas, estará dirixido principalmente a particulares. Durante ambas  datas, o mercado ofrecerá un espazo para a venda e o troco de produtos de segunda man, combinando esta actividade cunha ampla programación cultural e lúdica que incluirá concertos, obradoiros, showcooking e unha variada oferta gastronómica a través de foodtrucks.

O “FLI-PO Market” está concibido como unha iniciativa para fomentar o consumo responsable, a reutilización e a economía circular, ofrecendo á cidadanía unha alternativa sostible e de calidade, nun ambiente dinamizado e aberto a todas as idades.