O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou hoxe a importancia da artesanía como elemento clave para o desenvolvemento económico e cultural do municipio durante a visita ao taller La Parabólica da deseñadora e cesteira Julia de la Cal. O rexedor acompañou ao conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, ao director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e á xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, nesta visita institucional que puxo en valor o talento local e o futuro do sector artesán.
Lorenzo Alonso subliñou que “no Porriño temos a sorte de contar con obradoiros que son exemplo de como a tradición pode convivir coa innovación e a modernidade. A artesanía non só representa un legado cultural senón que tamén se converte nun motor de xeración de emprego e dinamización económica para a nosa vila”.
Durante o percorrido polo taller, o alcalde resaltou o papel de Julia de la Cal como referente no sector, especialmente tras ser galardoada nos Premios Artesanía de Galicia pola súa obra PERIFERIA#01. “A súa traxectoria demostra que a formación e a aposta pola contemporaneidade permiten que os oficios tradicionais sigan tendo un papel relevante no mercado actual. Desde o Concello seguiremos apoiando estas iniciativas que contribúen á nosa identidade e ao desenvolvemento sostible”, afirmou Lorenzo Alonso.
A súa obra ‘PERIFERIA#01’, pola que foi recoñecida na última edición dos galardóns Artesanía de Galicia, supón unha redefinición da cesta tradicional, experimentando co uso de elementos e materiais máis industriais como o cemento.
O concelleiro de Cultura, Benvenido Estévez, tamén quixo destacar o valor da artesanía para a identidade cultural do Porriño. “A artesanía non é só un oficio, é unha manifestación da nosa historia e do noso xeito de entender o mundo. Iniciativas como as de Julia de la Cal mostran como o pasado e o presente poden fusionarse para crear proxectos con gran proxección de futuro. Desde a Concellería de Cultura seguiremos promovendo e apoiando a difusión destas manifestacións artísticas e tradicionais”, sinalou Estévez.
O goberno municipal, consciente da importancia de preservar e impulsar o sector artesanal, reitera o seu compromiso de colaborar con iniciativas que fomenten a remuda xeracional e a competitividade do sector con modelos de negocio sustentables e innovadores.