O Concello do Porriño estende aos 365 días do ano a reivindicación dos dereitos das mulleres e da igualdade de xénero. Así, pasado xa o 8 de Marzo, continúan esta semana as actividades integradas na programación organizada con motivo do Día Internacional da Muller baixo o lema “8M, 365 días”.

Mañá xoves, a partir das 17,00 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios, celebranse xogos tradicionais con enfoque de xénero para a cativada. Serán Xogos de Sororas, “unha proposta lúdica para fomentar a igualdade a través de xogos populares e tradicionais, incluíndo o xogo Sororas na Memoria, que permitirá coñecer mulleres galegas clave na historia”, explica a concelleira de Igualdade, Carolina González.

Xa o venres, no mesmo escenario, ás 8 do serán, concerto de LAW, quen traerá ao Porriño un dos seus recoñecidos “rituais de barrio”, mesturando reggae, r&b, psytrance e música tradicional galega, para reivindicar a igualdade a través da música e celebrar o papel das mulleres artistas na historia.

“Dende o Concello animamos á veciñanza a participar activamente nos actos programados co convencemento de que a igualdade real e efectiva constrúese coa implicación de toda a sociedade, día a día”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo, á vez que se reafirma no seu compromiso de “construír un Porriño máis igualitario e libre de violencia machista”.

As actividades polo 8M proseguirán no mes de xuño coa celebración do acto conmemorativo “Mulleres da vila” e, de xeito paralelo, lévase a cabo a iniciativa educativa “Banco de Igualdade”. E é que ademais da programación aberta ao público, a Concellaría de Igualdade, en colaboración coa OMIX, desenvolverá esta actividade nos centros educativos do municipio consistente en facer entrega a cada centro participante un banco de madeira e pintura púrpura, co obxectivo de que o alumnado o decore con frases inspiradoras sobre igualdade, respecto, tolerancia e apoderamento das mulleres.