A Concellería de Educación do Porriño informa de que desde o 1 de marzo permanece aberto o prazo para solicitar praza nos centros educativos do municipio de cara ao curso 2025/26. As familias teñen ata o 20 de marzo para presentar as súas solicitudes, tanto de maneira presencial nos centros como a través da plataforma electrónica habilitada pola Xunta de Galicia.
Este procedemento está destinado tanto ao alumnado que accede por primeira vez ao sistema educativo (especialmente aos nenos e nenas de 4º de Educación Infantil), como aos estudantes de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que desexen cambiar de centro escolar, sempre que existan prazas vacantes.
O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, subliña que “o proceso de admisión é clave para garantir que cada alumno e alumna teña a praza que lle corresponde, e para que os centros poidan organizar correctamente o vindeiro curso”.
Os centros educativos do Porriño incluídos neste proceso son:
- EEI de Mosende
- CEIPP Xosé Fernández López (O Porriño)
- CEIPP Antonio Palacios (Torneiros)
- CEIP Ribeira (Torneiros)
- CEIPP de Atios (Atios)
- CEIP da Cruz (Budiño)
- CPR Santo Tomás
- CPR Quiroga
Reserva de praza xa realizada en xaneiro e febreiro
Cómpre lembrar que previamente, entre o 15 de xaneiro e o 4 de febreiro, estivo aberto o prazo de reserva de praza para o alumnado que remata etapa nun centro e pasa directamente a un centro adscrito. Esta reserva aplicouse, por exemplo, aos estudantes que remataron Infantil nunha EEI e pasan a un CEIP, ou aos que finalizan Primaria nun colexio e inician a ESO nun instituto adscrito.
Publicación de listaxes e formalización de matrícula
Unha vez pechado o prazo de solicitudes, o 25 de abril publicarase a listaxe provisional de admitidos e excluídos, sendo o 15 de maio a data na que se farán públicas as listaxes definitivas.
Posteriormente, os prazos de matrícula serán:
- Do 20 ao 30 de xuño, para alumnado de Infantil e Primaria.
- Do 23 de xuño ao 7 de xullo, no caso de estudantes de ESO e Bacharelato.
Novidades para o curso 2025/26
O vindeiro curso tamén incorporará melloras derivadas do acordo educativo incluído na Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia para 2025. Entre estas novidades destaca a redución progresiva da ratio máxima de alumnado por aula, que xa se implantou este ano en 4º de Infantil e que no curso 2025/26 estenderase a 5º de Infantil.
Tramitación telemática e seguemento
As familias teñen á súa disposición no enderezo www.edu.xunta.gal/admisionalumnado, unha ferramenta dixital que permite cubrir e presentar a solicitude de praza, escoller os criterios de baremo que correspondan e consultar en todo momento o estado da tramitación. A solicitude pode presentarse de xeito telemático ou, se se prefire, presencialmente no centro educativo escollido como primeira opción.
A Concellería de Educación anima ás familias a realizar a súa solicitude antes do 20 de marzo e a consultar cos centros educativos ou co propio Concello calquera dúbida sobre este proceso.