O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición para participar no Obradoiro de Crecemento Persoal para Mulleres, unha iniciativa que busca dotar ás mulleres das ferramentas necesarias para mellorar a xestión das súas emocións, fortalecer as súas habilidades de comunicación, marcar obxectivos alcanzables e incorporar prácticas de autocoidado que contribúan a mellorar o seu benestar persoal. O obxectivo é que cada participante se sinta protagonista da súa propia historia de vida.
O obradoiro desenvolverase no Edificio Multiusos de Torneiros e terá lugar os días 18 e 25 de marzo e o 1 de abril, en horario de mañá.
O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a importancia deste tipo de programas: “Dende o Concello seguimos apostando por iniciativas que promovan o benestar e o empoderamento das mulleres, facilitando espazos onde se poidan traballar emocións, habilidades e fortalezas persoais. Este obradoiro é unha mostra máis do noso compromiso coas políticas de igualdade e co apoio directo ás veciñas do Porriño.”
As persoas interesadas poderán inscribirse presentando unha instancia xeral no rexistro do Concello do Porriño, entre o 28 de febreiro e o 13 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Para máis información, pódese acudir ao CIM do Concello do Porriño, situado no terceiro andar da Casa do Concello, ou contactar a través do teléfono 986 33 50 00 (Extensión 257).
Esta actividade está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o que reflicte tamén a aposta clara do Concello por reforzar accións que contribúan á prevención da violencia de xénero e ao fomento da igualdade real e efectiva.