- O Centro de Información á Muller rexistrou 1.094 consultas, cun notable aumento de 248 casos relacionados coa violencia machista
O ano 2024 incrementou a actividade no Centro de Información á Muller (CIM) do Porriño. O servizo, que se dedica a ofrecer apoio e orientación a mulleres en situación de vulnerabilidade, pechou o exercicio cun total de 1.094 consultas, das que 248 foron específicamente sobre violencia de xénero, o que representa un aumento significativo con respecto a anos anteriores.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a crescente conciencia social e a confianza das mulleres no CIM como factores clave deste aumento. “É positivo que cada vez máis mulleres se acheguen ao noso centro en busca de axuda e orientación. A violencia de xénero é unha lacra que non podemos permitir”, sinalou Lorenzo. “O aumento de consultas ten unha dobre lectura, por unha banda acredita que a violencia de xénero é unha realidade incuestionable que lamentablemente afecta a moitas mulleres”, engadiu o rexedor, “Pero tamén reflicte un maior empoderamento das mulleres, que están buscando a información necesaria para tomar decisións difíciles pero fundamentais. Saben que estamos aquí para axudalas”.
En 2024, o CIM abriu 81 novos expedientes, a maioría deles relacionados con vítimas de violencia machista. As consultas abrangueron desde dúbidas sobre o procedemento de denuncia ata a necesidade de información sobre axudas económicas ou alternativas de vivenda. “A preocupación principal das mulleres segue sendo a vivenda, así como a capacidade de asegurar un futuro para os seus fillos e fillas”, asegurou a concelleira de Igualdade”.
Este aumento de consultas tamén coincide cunha tendencia crecente de mulleres que buscan saber cales son os seus dereitos e as opcións legais dispoñibles no caso de denunciar á súa parella. “Os datos amosan que, desde 2009, a cantidade de mulleres atendidas por violencia de xénero medrou de maneira continua, cun salto notable nos últimos anos”, explica a edil.
En 2024, o CIM atendeu 248 casos relacionados coa violencia machista, un incremento respecto aos 170 rexistrados en 2023. Esta tendencia é unha resposta directa á crecentes conciencia sobre a violencia de xénero e á confianza que as mulleres están a depositar nos servizos de apoio que ofrece o municipio. “O traballo do CIM é esencial, e seguimos comprometidos en garantir que as mulleres que sofren violencia machista atopen no centro un espazo seguro, de apoio e con recursos suficientes para reconstruír as súas vidas”, concluiu a concelleira.
O Centro de Información á Muller do Concello do Porriño creouse no ano 2000 co obxecto de prestar un servizo integral ás mulleres do municipio, xerando para elas un lugar que lles servise de referente e no cal se sentiran apoiadas. Día a día o persoal do CIM traballa na procura do seu benestar e a demanda foi en aumento nestes 24 anos. Está constituído por dous departamentos: un xurídico e outro psicolóxico que traballan da man na procura dunha igualdade real e efectiva.