- O alcalde e os representantes da Xunta de Galicia ofreceron a súa mediación coa empresa para explorar as distintas opcións
O pasado 21 de xaneiro, a Casa Consistorial acolleu un encontro clave para analizar e abordar o impacto social e laboral derivado do recente anuncio do cese de actividade industrial por parte da empresa Levantina no Porriño. No acto estivo presente o alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, xunto con representantes do Comité de Empresa, a Directora da Oficina Económica de Galicia, Natalia Barros Sánchez, e o Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández López.
Durante a reunión, o alcalde manifestou o seu firme apoio aos traballadores e ás súas familias, destacando a importancia de traballar conxuntamente para atopar solucións. “Comprendemos o momento de dificultade que estades a atravesar. Desde o Concello queremos transmitirvos a nosa solidariedade e o noso compromiso de estar ao voso lado nesta situación tan delicada”, declarou o rexedor.
Subliñou ademais que o Concello está plenamente comprometido en explorar todas as opcións dispoñibles para ofrecer apoio directo e traballar da man coas administracións e entidades implicadas na procura de solucións que contribúan a afrontar esta situación e buscar saídas que beneficien tanto ás familias como ao tecido produtivo do municipio. “A nosa prioridade é asegurar que todas as familias teñan o respaldo necesario e que os dereitos dos traballadores sexan protexidos”.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través de Pablo Fernández López, reiterou o seu compromiso co mantemento do emprego de calidade e o impulso á actividade industrial. Desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, reafirmouse a disposición para mediar entre as partes co obxectivo de garantir a boa fe no proceso de negociación e a salvagarda dos dereitos dos traballadores..
Ademais, Natalia Barros Sánchez lembrou que o IGAPE continuará ofrecendo ferramentas de apoio para empresas que atravesan dificultades, co obxectivo de preservar postos de traballo e manter a actividade e o emprego.