O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo esta mañá no Concello do Porriño un encontro cos representantes da Asociación Galega de Afectados por Silicose (OSILICE), para escoitar as demandas das persoas afectadas por esta enfermidade.
Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, o xefe de neumoloxía, Alberto Fernández, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, ademais do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o máximo responsable da Sanidade galega apuntou que a Xunta de Galicia ten posto en marcha mecanismos específicos para a atención dos pacientes diagnosticados de silicose, especialmente, nas áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra-Salnés, e na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, nas que se atopa máis incidencia.
Entre outras medidas, e en colaboración coa asociación OSILICE, elaborou un procedemento de coordinación entre os servizos de atención primaria e o servizos de pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro e, ademais, tamén reforzou a prestación asistencial coa incorporación dun pneumólogo-interconsultor que acode mensualmente aos centros de atención primaria, daquelas localidades con máis persoas afectadas.
A asociación de afectados, representada na xuntanza polo seu presidente, Orlando Márquez, vicepresidente, Serafín Ramilo, e secretario, Saturnino Riveira, continúa traballando en defensa dos afectados pola silicose, co obxectivo de mellorar o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dunha enfermidade que deriva da exposición e inhalación continúa de sílice e que afecta principalmente as dúas provincias do sur de Galicia.