O Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) revalidaron hoxe o seu acordo de colaboración anual. Este convenio, que conta cunha achega de 6.000 euros por parte do Concello, centrarase no apoio económico para o transporte adaptado, co fin de facilitar aos veciños e veciñas do Porriño o acceso ás actividades organizadas nas instalacións de COGAMI no Rebullón.
Este centro de recursos é un piar fundamental na atención ás necesidades das persoas con diversidade funcional desde a súa apertura en 2017. Así, o apoio económico destinarase a cubrir os gastos derivados da contratación dun condutor-coidador, así como a garantir a atención e o desenvolvemento das actividades no centro, onde se ofrecen servizos que van desde o apoio psicolóxico ata a fisioterapia.
Ambas as entidades selaron o acordo nun acto no que estiveron presentes o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Política Social, Teresa Veloso, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Xestallo, e o presidente provincial, Ángel Holguera. Na xuntanza, abordaron máis inciativas para traballar da man na vila.
A concelleira de Política Social, Teresa Veloso, quixo resaltar a relevancia desta colaboración. “O acceso das persoas con diversidade funcional a todos os espazos e servizos non é só unha necesidade, senón unha obriga para as administracións. Favorecer que as persoas poidan acudir cada día aos seus quefaceres e participar na vida social da comunidade enriquécenos a todos. Este acordo é un paso máis na nosa misión de construír un Porriño máis inclusivo”.
No mesmo sentido expresouse o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacando que con cada traballo con COGAMI “damos un paso máis cara a un Porriño máis accesible e inclusivo. Con este acordo, non só estamos apoiáondoos no seu labor fundamental, senón que tamén estamos a asegurar que todas as persoas, sen excepción, poidan participar plenamente na vida no Porriño. A inclusión é un valor que nos enriquece a todos”.