Hoxe tivo lugar clausura do obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica II”, un programa de formación dual impulsado polo Concello do Porriño en colaboración coa Xunta de Galicia. A iniciativa permitiu a 20 persoas desempregadas formarse en dúas áreas de alta demanda, relacionadas coa cociña e coa comunicación e economía dixital.
Os participantes recibiron os seus diplomas acreditativos da man do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, Zeltia Lado; a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas; e a directora do obradoiro, Ángela Vizoso.
O obradoiro, que tivo unha duración dun ano, permitiu aos alumnos adquirir formación en dúas especialidades de gran relevancia no mercado laboral: Restauración e Tecnoloxías da Xestión da Información e a Comunicación.
Na área de cociña, os participantes levaron a cabo diferentes actividades, como o servizo de comedor social dirixido a colectivos máis desfavorecidos, a preparación de almorzos saudables para os colexios e a organización de xornadas temáticas gastronómicas de portas abertas, entre outros. Pola súa banda, os alumnos de tecnoloxías da información e da comunicación traballaron na modernización dos procesos administrativos do Concello, dixitalizando o arquivo municipal, coa notable tarefa de procesar un total de 2.000 expedientes.
O programa “Porremprego Cualifica II” contou cun orzamento próximo aos 600.000 euros. Concello e Xunta puxeron en marcha xa a edición 2024-2025, o obradoiro “O Porriño Humaniza” que se centrará, con outra vintena de participantes, na construción. En concreto, en operacións auxiliares de revestimentos continuos, pintura decorativa, operacións auxiliares de acabado rígidos e urbanización, operacións de formigón, pavimentos e albañilería de urbanización cun orzamento de máis de 450.000 euros.