O Club Ximnasia Porriño estrea un novo tapiz de competición para adestramentos e competicións de ximnasia rítmica. O Concello do Porriño, a través da concellería de Deportes que dirixe Abel Estévez, dispuxo este novo tapiz de calidade mazas e homologado para eventos de máximo nivel técnico, cun investimento que supera os 8.100 euros.
A nova moqueta destaca pola súa versatilidade e durabilidade, fabricado co sistema tradicional de “fío BCF” e fío vulcanizado de poliamida de máxima calidade. O seu deseño compacto permite un uso intensivo, superando as esixencias mínimas para un tapiz de alto nivel de competición. Cunhas dimensións de 14 x 14 metros, é ideal para adestramentos que superan as 15-20 horas semanais, garantindo así unhas condicións óptimas para os/as nosos/as deportistas.
Ademais, instalouse un pasilleiro de entrada ao tapiz e zona de entrega de medallas, adornada cos logos do Concello de Porriño e do Club Ximnasia Porriño. Este espazo tamén inclúe a inspiradora frase: “A confianza é o primeiro paso cara aos teus soños”, unha mensaxe que reflicte o espírito de superación e dedicación do club.
O Club Ximnasia Porriño, que conta con 150 deportistas en diversas categorías, continúa facendo historia na ximnasia rítmica galega.