O Concello de Porriño puxo en marcha o seu Programa de Vivendas Baleiras, unha iniciativa que busca activar o maior número posible de propiedades desocupadas de titularidade privada para incorporalas ao mercado de alugueiro a prezos accesibles. Esta acción enmárcase dentro do Programa de Mobilización de Vivendas en Alugueiro, impulsado polo goberno autonómico a través do IGVS.

A través deste programa o Concello creou un rexistro de potenciais arrendatarios e outro de vivendas e, a través do departamento de Servizos Sociais, adxudicaranse atendendo ás bases reguladoras do mesmo.

Co obxectivo de incentivar aos propietarios, o programa ofrece garantías como un seguro que cobre o abono de rendas non pagas e outro para a reparación de danos durante a vixencia do contrato, ademais de asistencia xurídica. Os propietarios interesados en participar deberán presentar a súa solicitude antes do 31 de decembro de 2025.

Doutra banda, as persoas que busquen vivenda e cumpran cos requisitos establecidos poderán inscribirse no rexistro de demandantes do concello. Este programa está deseñado para axudar a quen enfronta dificultades para acceder a un alugueiro, asegurando que a renda non supere o 30% dos seus ingresos. Entre os requisitos esixibles están que deben estar empadroadas no Concello do Porriño e que se atopen nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda en aluguer.

“Este programa pode ser un recurso fundamental para moitas familias do Porriño que se atopan en situación de vulnerabilidade, con dificultades para acceder á unha residencia debido á súa situación económica e á escaseza de vivendas en alguiler”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor destacou tamén que a colaboración público-privada, coa implicación das administracións e propietarios, é esencial para poder solventar esta situación “por iso agradezco de antemán aos propietarios que se sumen a esta iniciativa”.

As bases poden consultarse na seguinte ligazón: https://oporrino.org/documentos/bases-reguladoras-do-programa-de-vivendas-baleiras-2024/