O vindeiro sábado 12 de outubro, a pista de atletismo do Porriño converterase de novo no epicentro do ciclismo de montaña coa celebración do VII Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño. A competición dará comezo ás 11:00 h e promete emoción asegurada para participantes e espectadores.
Organizado pola AD Avanza en colaboración co Concello do Porriño, este trofeo é puntuable para a Copa Galicia 2025 de Ciclocrós, o que garante un alto nivel de competencia. Coa inscrición aberta ata o 10 de outubro ás 15:00 h, espérase superar os 200 participantes nesta edición, que contará cun total de 19 categorías, incluíndo infantís, cadetes, junior, Sub 23, elite e varias categorías de máster, tanto masculino como feminino.
As mangas disputaranse da seguinte maneira: ás 11:00 h Cadetes e Infantís masculino; ás 11:45 h as mulleres Élite e Sub 23, Junior, Cadete, Máster e Infantís; 12:45 h Elite, Sub 23 e Junior; 14:30 h: Máster 50/60 e Máster 30 e ás 15:30 h: Máster 30.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou o seu entusiasmo, destacando a importancia de fomentar o deporte con eventos desta magnitude e agradecendo ao club organizador, AD Avanza, pola súa dedicación e esforzo na realización desta proba. “É unha honra para nós acoller este evento que non só promove o ciclismo, senón que tamén nos une ao redor dunha paixón compartida por moitos no Porriño, o ciclismo”, comentou o alcalde convidando a todo o mundo a participar de “unha xornada chea de compañeirismo, adrenalina e ciclismo de alto nivel”.