Este sábado 5 de outubro, O Porriño prepárase para recibir a peregrinos e turistas nunha celebración única: a Festa do Peregrino e do Turista. Cun programa cheo de actividades, a festa desenvolverase na emblemática praza Arquitecto Antonio Palacios e estenderase por todo o centro urbano, convertendo a vila nun perfecto escaparate da cultura e a tradición galega.
A xornada comezará ás 12:00 h cun divertido photocall do Camiño de Santiago, onde todos os asistentes poderán inmortalizar o seu paso por este máxico roteiro. Ás 16:30 h, os visitantes terán a oportunidade de participar nos roteiros guiados Antonio Palacios, que se levarán a cabo en seis quendas de 35 persoas cada unha, saíndo cada media hora desde a Botica Nova. Destacar que a inscrición será por orde de chegada.
A partir das 17:00 h, a praza encherase de vida con obradoiros participativos dirixidos a turistas, onde poderán aprender sobre o rico patrimonio cultural de Galicia. Haberá un obradoiro de baile tradicional galego e outro de música e canto tradicional, perfectos para aqueles que desexen mergullarse nos nosos costumes.
A festa culminará ás 20:30 h coa actuación na praza de Pan.Sen.Fron, que promete facer vibrar a todos os asistentes coa súa música. A continuación, sesión con DJ Mus.
Desde o Concello do Porriño lembran que o turismo é un piar fundamental para o desenvolvemento do municipio, e en especial, o turismo internacional que percorre o Camiño de Santiago. “Cada ano, miles de peregrinos fan unha parada no Porriño, e é unha honra para nós poder ofrecerlles unha experiencia inesquecible”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A Festa do Peregrino e do Turista non só celebra esta conexión, senón que tamén quere agradecerlles todo o que nos aportan e resaltar a hospitalidade da nosa veciñanza e a cultura local”.