Esta fin de semana chega ao Porriño a Liga Nacional do Graffiti, unha competición na que dez dos mellores artistas de España realizan as súas obras de arte nun percorrido por varias cidades da península.

Nauni69, Dridali, Jacobo Palos, Amek Uno, Rudiart, Konestilo, Badi Coloreando, Décima PNS, Jota e Hide2 deixarán a súa pegada no Porriño a golpe de spray. Serán xornadas emocionantes, enfocadas na creatividade e a expresión artística, nas que os participantes ademais de demostrar as súas habilidades e talento, farán disfrutar ao público que pode seguir en directo a elaboración dos murais. “Coa celebración de eventos culturais como o a Liga Nacional do Graffiti queremos motivar á nosa mocidade cara a formas de expresión máis evolucionadas, lonxe do graffiti ilegal”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O evento, enmarcado na programación das Festas do Cristo 2024, celebrarase os días 6 e 7 de setembro na rúa Leandro Diz. DJ Susto, do grupo Maislume, pinchará durante toda a xornada do sábado e pola tarde, ás 19 h, actuará o guitarrista e cantautor Óscar el Norteño.

Ás 12 h do sábado impartirase tamén un obradoiro de graffiti para a cativada e mocidade. Non é preciso anotarse (hai un máximo de 25 prazas que se cubrirán por orde de chegada).

Restricións de tráfico

O desenvolvemento deste evento conlevará algunhas restricións de tráfico para garantir a seguridade dos participantes e do público. Os días 6  e 7 de setembro, durante todo o día,  cortarase o carril esquerdo da rúa Leandro Diz, sentido hacia o paso a nivel, desde a intersección da rúa Xogo da Ola ata a rúa Cando. Estará prohibido estacionar na marxe dereita no mesmo treito.