A única proba ciclista de España que abarca todas as categorías, “A Nocturna”, correrase polas rúas do Porriño este sábado 31 de agosto a partir das 16 horas. A carreira chega á súa LIV edición, con só dous anos de ausencia desde o seu debut no 1968. Conta con diversas probas para ciclistas a partir de 8 anos de idade e a organización espera superar, un ano máis, os 300 participantes.
O Club Master Louriña organiza esta proba de circuito ao estilo americano, na que se eliminan corredores/as en cada volta ata que se coñece ao vencedor/a.
“A Nocturna é unha das probas ciclistas máis emocionantes que hai, xa que a esixencia dos corredores está ao límite en cada volta”, salienta o alcalde, Alejandro Lorenzo. “O pobo vólcase con ela e desde o Concello apostamos por este evento cada ano, como non podía ser doutra maneira. A Nocturna marca sempre o inicio das Festas do Cristo, un mes enteiro para festexar no Porriño”, engade o rexedor.
A inscrición da carreira é de balde e o prazo acaba esta noite, pero os interesados aínda se poderán anotar ata mañá, día 29, ás 15:00 h pagando unha pequena penalización.
Restricións ao tráfico
A hora establecida para a saída dos primeiros participantes é ás 16:00 h, prolongándose ata preto das 21:30-22:00 h.
Con tal motivo, dende a Policía Local informan dunha serie de restricións ao tráfico rodado. Concretamente, queda prohibido estacionar e aparcar a partir das 13:30 horas e non estará permitido o tráfico rodado dende as 13:45 ata ás 23:00 horas aproximadamente polas rúas Pío XII, Ramón González, Manuel Rodríguez (desde o número 1 ata rúa Xogo da Ola), Xogo da Ola, Leandro Diz (desde intersección rúa Xogo da Ola ata rúa Cando), Cando, Peña e nos estacionamentos da praza de abastos.
A fin de semana mantéñense tamén os cortes de tráfico habituais no centro urbano.