A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, informa de que esta semana darán comezo os traballos de descontaminación do lindano no Contrasto, en Torneiros. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comezará este xoves coa preparación do terreo para a posterior excavación e extracción do residuo.
Prevese que as actuacións den comezo este xoves 29 de setembro, polo que o Concello do Porriño xa comezou co realoxo dos veciños e veciñas que así o requeriron. Cabe destacar que os traballos están programados en fases, de menor a maior afectación á veciñanza da zona, co obxectivo de minimizar as molestias. Na contorna afectada hai preto dunha trintena de vivendas, pero non todas elas están afectadas.
De seguido, comezarán as actuacións de retirada do residuo. Para iso, excavarase o firme existente ata unha profundidade de entre 0,5 e 3 metros e retirarase todo o material no que se ten constatada a presenza do contaminante, dado que é un elemento indisoluble. Unha vez completadas estas actuacións na contorna, repoñerase o firme e os servizos de alumeado, telefonía, electricidade, saneamento, abastecemento e outros que puidesen verse afectados polas obras de excavación. No que respecta aos accesos ás vivendas, estará garantido en todo momento con itinerarios alternativos.
Despois da súa retirada, o lindano trasladarase a un centro de valorización de residuos onde se procederá ao seu tratamento, ben mediante o seu confinamento en condicións de seguridade ou ben acondicionándoo -no caso do material de maiores concentracións- para o seu traslado e tratamento nunha planta de incineración de residuos.
A Xunta de Galicia investirá nesta actuación máis de 7,5 millóns de euros e conta con financiación europea, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), por tratarse dunha actuación relacionada coa descontaminación de solo, con efectos indirectos na auga e na atmósfera.
“Esta é unha herdanza negativa que arrastramos desde hai décadas, un problema que temos que afrontar de maneira global e coa implicación de todas as administracións”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “polo que quero agradecer a disposición da Xunta de Galicia para traballar da man e avanzar na descontaminación, algo que require dun gran esforzo técnico e económico”.