O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaron esta mañá as escolas infantís Galiña Azul do municipio: Torneiros e Doantes de Sangue. En ambos centros, aproveitáronse as vacacións de verán para realizar obras de mellora sen interferir na súa actividade.
Na primeira delas, a de Torneiros, están a renovarse os espazos exteriores de lecer, con especial incidencia na incorporación de elementos de protección e seguridade, ademais de actualizar os propios xogos. Na de Doantes, está a executarse a fase final da mellora dos aseos iniciada o ano pasado e rematándose as zonas de almacenamiento e mobiliario no espazo para profesores.
A execución das obras -cun orzamento de 30.000 euros- corre a cargo do Concello, mentres o Consorcio asume o seu financiamiento mediante a compensación do importe das liquidacións que ten que aboar a Administración local por este servizo.
O rexedor incidiu na necesidade “de prestar especial atención ás instalacións infantís e adecualas ás súas necesidades para que poidan desenvolverse nelas con total seguridade”.
Centro de Día de Torneiros
A maiores investíronse 12.000 euros para renovar o acceso ao Centro de Día de Torneiros, coa instalación dunha pérgola inoxidable que mellora a protección dos usuarios en caso de choiva . Tamén está a axeitarse o xardín, incorporando parasoles e mobiliario para a realización de obradoiros ao aire libre.