A Xunta de Galicia vén de dar luz verde ao obradoiro dual de emprego impulsado polo Concello do Porriño “O Porriño humaniza”, no que 20 alumnos/traballadores poderán formarse mentres traballan nas especialidades de albanelería de urbanización e albanelería de traballos de pintura. A administración autonómica vén de conceder a achega de 411.928 euros para este programa de emprego. Pola súa banda, o Concello aportará 45.000, para sumar un total de 456.928 euros destinados a este plan.
O obradoiro terá lugar entre o 2 de decembro de 2024 e o 1 de setembro do 2025, e durante eses nove meses, os alumnos/traballadores participarán na execución de diferentes proxectos do Concello. As persoas interesadas en participar poden informarse na oficina de Porremprego, no edificio Multiusos de Torneiros. Deberán estar dadas de alta como demandantes de emprego na oficina de emprego.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia destes obradoiros que “son moi efectivos de cara a inserción laboral dos participantes, como o acreditan as pasadas edicións, e moi beneficiosos para a veciñanza en xeral, xa que o seu traballo repercutirá na mellora das nosas infraestructuras e espazos públicos”.
Renovación de beirarrúas no Polígono Industrial A Granxa
As beirarrúas da Avenida Principal do polígono empresarial A Granxa renovaranse grazas a este plan de emprego. Trátase de dous tramos cun total de 959 metros de lonxitude e 2.372 m2: sendo o primeiro tramo de 595 m, e o segundo de 364 m.
A obra, que duraría uns 3 meses, contempla a demolición das beirarrúas existentes, a reparación e execución dos bordillos cando sexa necesario anular entradas non existentes debido a unificación de parcelas, colocación de mallazo e hormigonado das beirrarúas.
Pintado ou repintado das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida
As prazas de aparcamento reservadas para as persoas con mobilidade reducida no casco urbano e no polígono residencial de Torneiros, terán unha maior visibilidade. Esta obra contará cos traballos necesarios en cada caso de retirada de suciedade ou elementos extraños, herbas ou raíces, e o premarcado e repintado con pintura acrílica e reflectante.
Restauración de pintura en edificios municipais
En varios edificios municipais, como a Casa Consistorial, o Centro Cultural Municipal e o Multiusos de Torneiros, renovarase a pintura, previa reparación de humidades en casos específicos. En todo case se manterán os tonos existentes e garantirase unha protección especial na execución dos traballos na zona antiga da Casa Consistorial, para respectar a obra do arquitecto Antonio Palacios.