20 persoas con especial dificultade para atopar emprego rematan dous obradoiross de formación en albanelería e limpeza de montes, impulsados polo Concello do Porriño e a Xunta
A alcaldesa do Porriño presidiu este luns a entrega de diplomas aos 20 participantes en sendos obradoiros impulsados polo Concello e pola Concellería de Industria, Economía e Emprego que tiñan coma principal obxectivo a formación dos participantes en albanelería e limpeza de montes.
Coma lembrou Eva García de la Torre, os obradoiros tiveron unha duración de 6 meses e no ánimo da Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, e no da Consellería de Industria, Economía e Emprego estaba “aumentar ao máximo as posibilidades de entrada ou regreso ao mundo laboral dos participantes nos mesmos”.
No mesmo acto, no que estiveron presentes o xefe territorial da Consellería de Economía Emprego e Industria, e Yolanda Lesmes, secretaria territorial da mesma consellería, este última subliñou a importancia da cooperación entre administracións, neste caso o Concello do Porriño e o Goberno de Galicia, “de cara a axudar a persoas con especial dificultade para reintegrarse ou acceder ao mundo laboral”.
Lesmes adiantou que a Xunta xa convocou a realización de novos obradoiros de emprego que “terán unha duración total de 9 meses, 3 máis que na actualidade” coa finalidade de mellorar a formación e, ao tempo, as probabilidades de que os seus participantes atopen traballo.
Neste caso concreto, os participantes no obradoiro levaron a cabo a reforma da Escola Unitaria de Covelo, en Atios, que estaba nun avanzado estado de abandono, realizando obras de recuperación e acantoamento da mesma, retirando os elementos que non foi posible recuperar e reformando o inmoble para conquerir o seu aproveitamento para uso e gozo dos veciños da parroquia.
Os traballos que quedan pendentes serán rematados pola Concellería de Vías e Obras e a intención es que os mesmos estean a cargo dos integrantes dun novo obradoiro, que abranguería, neste caso, formación tamén en xardinería, para o establecemento dunha zona de lecer ao aire libre e mesmo un parque biosaudábel.
Polo que se refire ás e os participantes no obradoiro forestal, realizaron unha importantísima labor de mellora da contorna das Gándaras de Budiño, un dos enclaves máis visitados do Porriño.