O Concello de Porriño informa de que a próxima semana publicaranse as bases para a concesión de subvencións destinadas á instalación de sistemas de bombeo individuais en vivendas próximas á rede de saneamento. Esta pioneira liña de axudas conta cun orzamento total de 108.000 euros chegando a aportar ata 2.000 euros por beneficiario.

Estas subvencións, enmarcadas no plan do executivo local para o desenvolvemento do saneamento, están dirixidas aos propietarios de vivendas que, ao estar situadas a unha cota inferior á rede de sumidoiros, necesitan dotarse dun sistema de bombeo para conectar o desaugue das súas augas residuais á rede. Un estudo preliminar realizado polo Concello identificou un total de 53 vivendas nesta situación, distribuídas por parroquias da seguinte maneira: 13 en Mosende, 9 en Torneiros, 7 en Atios, 7 en Cans e outras tantas en Pontellas, 5 en Budiño, 3 en Carracido e 2 en Chenlo. Esta cifra pode incrementarse unha vez comecen a executarse os proxectos pendentes xa redactados.

“O bombeo necesario para conectarse á rede de saneamento correría a cargo do propietario da vivenda, polo que vemos necesario contribuír a que isto non sexa un impedimento para que estes veciños poidan dispoñer dun servizo esencial como este”, explicou o concelleiro de Parroquias, Marcos Martínez.

As axudas cubrirán diversos aspectos relacionados coa instalación do sistema de bombeo, incluíndo a execución ou adaptación do pozo ou arqueta onde se instalará o equipo, así como a adquisición, instalación e posta en funcionamento do mesmo, cadro de mando e instalación eléctrica. Será necesario que os solicitantes conten co permiso de enganche do Consorcio de Augas do Louro.

Os beneficiarios poderán percibir ata o 80% do importe total concedido como anticipo de fondos, mentres que o 20% restante abonarase unha vez que se acredite o cumprimento da obra.

O Concello de Porriño reafirma así o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e a calidade de vida da súa veciñanza, facilitando o acceso a estas axudas que permitirán aos propietarios de vivendas adecuar os seus sistemas de saneamento de maneira eficiente e sostible. A tal fin, a administración local estudia novas medidas. “Toda a veciñanza do Porriño ten dereito a dispoñer deste servizo esencial e levamos demasiados anos de atraso neste eido, por iso para nós é algo prioritario e na medida en que poidamos contribuír imos facelo”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor concluíu ofrecendo o asesoramento ás persoas que queiran beneficiarse desta liña de axudas, “unha vez publicadas abrirase o prazo de solicitude, e toda a veciñanza que queira optar a elas que non dubide en achegarse ao Concello para obter máis información ou axuda cos trámites. Estamos á súa disposición”.