O Concello do Porriño presentou hoxe a Festa Holi, que terá lugar na vila do Louro o venres 9 de agosto. A praza do Arquitecto Antonio Palacios encheuse de cores para anunciar esta festa que se tivera que cancelar na Porrigalia debido á meteoroloxía adversa, e conta agora cun espectáculo algo diferente.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou a programación da festa xunto cos concelleiros de Cultura e Festas, Bienvenido Estévez, e Educación, Carolina González, e os DJs Dorman DJ e Traffic House. A Festa Holi inclúe o espectáculo “Errantes” de Troula Animación, a actuación dos Festicultores Troupe, e as sesións dos DJs Dorman DJ, Traffic House e Romántico Latino.
Holi, a festa inspirada no festival hindú Holi, no que se baila e lánzanse pos para dar a benvida á primavera. No Porriño será unha festa de cores, onde os participantes serán asperxidos de xeito total con arcoiris de pos máxicos ao tempo que gozan e participan das actuación para tódolos públicos.
A Festa Holi terá lugar o 9 de agosto a partir das 20:30 h na parcela-aparcadoiro da rúa Progreso.
O rexedor convida a toda a veciñanza do Porriño e dos municipios da contorna a participar e “encher de cores a vila e os nosos corazóns. Ledicia para todos!”