O Concello do Porriño impulsa un novo obradoiro de emprego no que 16 mozos/as en situación de desemprego poderán formarse mentres traballan nas especialidades de carpintería e albanelería urbanización. A administración autonómica vén de dar luz verde a “O Noso Encontro co Emprego”, un programa de emprego para a mocidade, dirixido a persoas menores de 30 anos que deberán estar inscritas e ser beneficiarias do sistema nacional de Garantía Xuvenil. Como requisito imprescindible terán que estar dados de alta como demandantes de emprego na oficina de emprego.
A posta en marcha do mesmo require unha inversión de preto de 484.000 euros, dos cales 439.000 euros estarán financiados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e 45.000 de aportación municipal.
Haberá 8 alumnos/as-traballadores/as de cada unha das especialidades.
As persoas participantes na de carpintería de madeira poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos, reparando tres pasarelas no Paseo do Louro que permiten o cruzamento dun pequeno leito afluente e que forma parte da senda peonil que percorre a marxe do río. A actuación contempla a substitución das pezas degradadas con elementos do mesmo tipo.
Os alumnos/as-traballadores/as da especialidade de albanelería participarán nos traballos de urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial de A Granxa, coa execución de novas beirarrúas.
O programa “O noso encontro co emprego” ten unha duración de doce meses, comezando o 1 de outubro do 2024 e remantando o 30 de setembro de 2025, previsiblemente.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou esta “boa nova, que non só servirá para acometer obras de mellora no polígono industrial de A Granxa e no Paseo do Louro, senón que sirve, unha vez máis, para formar e contratar traballadores en especialidades moi demandadas e coa intención de que aumenten as posibilidades reais de inserción laboral”.
As persoas interesadas en participar poden informarse na oficina de Porremprego, sita no Multiusos de Torneiros.