O Porriño contará este ano cunha nova rondalla, a Rondalla Santa María do Porriño, unha agrupación integrada xa por 40 persoas. O Porriño é berce de rondalleiros/as e un referente no tocante a estas tradicionais agrupacións, ao contar coas dúas grandes Rondallas, a de Santa Eulalia de Atios e a da AC de Pontellas. Ademais, na vila do Louro celebrase cada ano o Encontro de Rondallas que reúne ás mellores formacións do sur da provincia e a miles de persoas que non faltan á cita.
O centro urbano do Porriño xa é rondalleiro
Este Nadal serán tres as Rondallas porriñesas que animen as rúas. A nova agrupación, dirixida por Seve Novas e capitaneada por Leticia Pereira, conta coa colaboración do Concello do Porriño, da Comunidade de Montes Santa María do Porriño, de patrocinadores privados e da Asociación Rosais, que se encargarán de elaborar as capas dos/as rondalleiros/as.
“No centro urbano non tivemos nunca unha agrupación deste tipo e queremos recuperar esta tradición, impulsala e consolidala xa que hai unha gran afección. Só hai que dar o primeiro paso”, explicou o director, incidindo en que “Non vimos a competir, vimos a disfrutalo e a facer que a xente disfrute con nós”.
Seve Novas, “peixeiro e gaiteiro” como el mesmo se define, conta con experiencia neste eido xa que nos últimos anos dirixiu a Rondalla da Asociación Galiñeiro de Vincios. Natural de Cangas, pero afincado e veciño do Porriño desde hai dúas décadas, explica que se sinte porriñés e quere facer cousas polo seu pobo “sobre todo no eido cultural que é onde creo que teño moito que aportar, por inquedanza e por experiencia”. Foi o impulso da capitana, Leticia Pereira, que participou da Rondalla Helios de Bembrive, o que os levou a dar o paso.
Dende a directiva da Rondalla Santa María do Porriño animan a todo o mundo a participar, sexan de onde sexan, teñan a idade que teñan e conten ou non experiencia. “É unha rondalla aberta a todo o mundo, pequenos e maiores, na que ninguén queda atrás”, afirman.
Como xa dixemos na actualidade rondan os 40 compoñentes e comezarán os ensaios no mes de setembro. Serán no centro urbano, inicialmente no Centro Cívico.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, monstrou todo o seu apoio “a esta nova Rondalla que vén a sumar cultura e tradición a un pobo como o noso, que valora como ninguén estas mostras de identidade”. O rexedor agradeceu á directiva “a súa iniciativa e a ilusión coa encaran esta andaina da que todos e todas formaremos parte”.
As persoas interesadas en participar poden contactar con eles a través do número de teléfono 619625436.