O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González, inauguraron onte o curso de extensión universitaria sobre a aplicación da intelixencia artificial no eido educativo, acompañados pola directora do curso María del Mar Román e a concelleira Rosa Isabel Alonso.
“Intelixencia Artificial en educación: desenvolvemento profesional e aplicabilidade na aula” convida ao alumnado a introducirse e reflexionar sobre o papel da IA no contexto educativo. A través dunha serie de ponencias e estudos de caso, os participantes mergullaranse no mundo da intelixencia artificial entendendo os seus fundamentos e explorando o seu potencial para enriquecer a ensinanza e a aprendizaxe.
O programa non se centra na especialización técnica, senón en abrir un diálogo sobre as oportunidades, desafíos e consideracións éticas que a IA presenta neste eido. Os educadores que participan familizaranse con experiencias reais de implementación na aula para poder adaptalas aos seus propios contextos educativos.
“Este curso pretende ser un primeiro paso para aquelas persoas interesadas en comprender a IA e o seu impacto na educación, promovendo unha actitude crítica e creativa cara a súa integración no proceso educativo”, explicou o responsable da UNED Pontevedra.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, deu a benvida ao Porriño aos/as estudantes e agradeceu unha vez máis a aposta da UNED pola vila “xa que ofrece un gran abano de posiblidades de crecemento persoal para a veciñanza do Porriño e tamén unha enorme oportunidade para o noso tecido empresarial”.