A Liga Xunta de Galicia de Hip Hop chega este sábado ao Porriño, na súa primeira edición, para celebrar a proba final con máis de 500 participantes de todas as idades.
A competición da Federación Galega de Baile consta dun circuito a catro probas que arrincou o domingo 14 de abril en Narón, para continuar o 12 de maio en Mugardos, o 2 de xuño en Lugo e agora, o 29 de xuño, chega ao Porriño para celebrar a última proba do campionato. Participan bailaríns e bailarinas desde baby (nados entre 2015 e 2020) ata premium (nados antes de 1994), en categorías Battles, individual, parellas e grupos, e decidiranse no Porriño os campións e campioas galegos/as. A Liga Xunta de Galicia de Hip Hop puntúa para o ranking nacional da Federación Española de Baile.
O Concello do Porriño quixo abrir o evento ao público e levalo á rúa con entrada de balde, de maneira que as probas da mañá de individuais e parellas se disputarán nunha gran pista de 36 m2 que se instalará na praza Arquitecto Antonio Palacios. A competición continuará pola tarde no pavillón municipal coas probas grupais e a entrega de premios. A entrada para o evento no pavillón é de 8€, de balde para os menores de 12 anos.
Miguel Abreu, presidente do Club de Baile Deportivo Pasos BaileGalicia, organizador do evento, invita “a toda a veciñanza a vivir este espectáculo que agrupa a máis de 500 bailaríns de hip hop de toda Galicia, con actuacións de disciplinas moi diversas, desde batallas one-to-one onde rixe a improvisación, ata coreografías perfectamente coordinadas de ata 40 persoas na mega-crew. Non decepcionará a ningúen!”
“No Concello do Porriño apostamos polo deporte en cada unha das súas disciplinas e o baile ten agora o seu protagonismo. É un orgullo que O Porriño sexa un dos lugares escollidos para celebrar esta primeira edición da Liga Xunta de Galicia Hip Hop. Seguiremos apoiando aos nosos/as deportistas no seu camiño cara ó máis alto”, apuntaba Alejandro Lorenzo.