Antonio Palacios e un novo desafío de Eureka Reto Rural tiña que ser unha combinación gañadora. Máis de 240 persoas achegáronse á vida e obra do recoñecido arquitecto nunha trepidante aventura polas rúas do centro do Porriño, un encontro no que pequenos, pequenas e maiores puideron coñecer dun xeito divertido, orixinal e entretido un pouco máis desta destacada figura de recoñecemento nacional coincidindo co 150 aniversario do seu nacemento.
O equipo ‘As tartaruguiñas’ foi o gañador do escape room, premiado cunha experiencia para descubrir a Serra do Suído en Fornelos de Montes, unha xornada na que otear a fauna cun almorzo de campaña en plena natureza. Ademais, os equipos ‘As estreliñas’, ‘Os Picapedra’ e ‘La tienda puchaina’ foron os gañadores das cestas con produtos gastronómicos da comarca de El Ultramarino. Pablo Rodríguez é a cara visible tras El Ultramarino, un negocio local do Porriño que defende os valores do rural e incentiva a xeración de vida no municipio e protagonista dunhas da historias da edición de 2023 da campaña Parte de Ti de EuRural.
As persoas que non puideron acudir ao encontro no Porriño esta fin de semana poderán igualmente gozar do escape room dixital de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
A través de Eureka Reto Rural, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño exploran os 14 concellos do territorio dun xeito diferente, descubrindo a todas e todos os participantes recunchos, protagonistas e historias dos distintos municipios. A vindeira cita será este domingo 30 de xuño ás 10.30 horas no Concello de Oia para coñecer máis sobre o seu Mosteiro. As persoas interesadas en participar neste ou nos próximos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta páxina atoparase ademais toda a información sobre datas, puntos de encontro ou horarios das distintas probas.