Por terceiro ano consecutivo os alumnos e alumnas de segundo de bacharelato do IES Pino Manso do Porriño editan a súa revista de filosofía e arte OPino, coa colaboración do Concello do Porriño.
OPino é unha revista na que se poden atopar reflexións sobre a sociedade, poesía, música, dilemas éticos, entrevistas, política, psicoloxía, cultura, cine… E tamén moito arte, xa que tamén son eles/as quen se encarga da parte gráfica.
Neste número destaca a referencia á semana cultural árabe, que se desenvolveu nos recreos entre o 6 e 10 de maio e que puxo en valor a cultura dun alumnado que forma parte da súa comunidade dende hai xa moitos anos. Tamén as reflexións sobre a tecnoloxía, a influencia das redes sociais e os medios de comunicación e a responsabilidade no seu uso, ou algo moi de actualidade, a intelixencia artificial.
A publicación está íntegramente deseñada, escrita, ilustrada e editada por alumnos e profesores do Pino Manso. Detrás de OPino hai un equipo de redacción formado por 25 alumnos e capitaneado por Anxo Alonso, Emma Salec e Natalia Márquez. Reporteiros/as, editores/as, deseñadores/as e redactores/as que implican a toda a comundiade educativa e contan sempre co asesoramento dos seus profes Pedro Ocampo, Juan Carlos Lago e Celeste Cancela.
A revista OPino naceu hai tres anos para darlle forma á explosión de preguntas, ideas, inquedanzas, inconformismos, rupturas, conflictos, búsquedas de indentidade, a radicalidade, a creatividade…, que forman parte de cada persoa, especialmente dos/as adolescentes, o alumnado do instituto. O alcalde, Alejandro Lorenzo, deu a noraboa ao equipo de dirección da revista e ao IES Pino Manso por “un traballo traballo en equipo que non só reflicte unha defensa do pensamento crítico, a creatividade e o coñecemento, tamén da responsabilidade social dos mozos e mozas do Porriño. Noraboa e que OPino siga sumando edicións, contade sempre co apoio do voso Concello”.