Alumnos e alumnas de 6º de Primaria do CEIP Fernández López visitan a Casa Consistorial para rexistrar unha proposta de mellora para a veciñanza do Porriño, un traballo escolar que espertou o interese do alcalde, Alejandro Lorenzo.
Para elaborar este traballo, a profesora de Proxecto Competencial, María Esther Carro Ramos, explica que se organizaron desde principios de curso. No primeiro trimestre os rapaces e rapazas elaboraron unha enquisa, coa que recopilaron información dos viandantes, da veciñanza e das súas propias familias. Traballaron os datos e, con gráficos, percatáronse dos aspectos máis demandados pola cidadanía. Trátase dun trabllo escolar que reforza a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade, ademais doustros aspectos académicos.
Despois do Nadal, estudiaron a institución do poder popular de representación democrática, o funcionamento do sistema electoral e a participación cidadá fóra do que son as eleccións.
Máis pistas deportivas, un auditorio e unha piscina de verán
Por último, elaboraron unha presentación en PowerPoint sobre os cinco aspectos máis reclamados pola cidadanía que salientaba o seu estudio. Os tres temas máis votados polos alumnos de 5º e 6º e os profesores do colexio, foron os presentados por Rexistro na Casa do Concello: máis pistas deportivas, un auditorio e unha piscina para o verán. Deste xeito, coa última parte do proxecto os alumnos e alumnas seguiron as cauces habituais de presentación de peticións nun concello.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiu ao grupo de estudantes e á súa profesora e quedou impresionado co traballo de investigación que fixeron, salientando que “é moi importante prestar atención ás propostas de mellora de todos os cidadáns, especialmente da cativada, e, sobre todo, tratándose dun proxecto feito con tanto rigor e ilusión como este”. “Tomamos nota das propostas e xa estamos traballando nalgunhas delas das que xa tiñamos constancia”, conclúe Lorenzo.