A Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA) organizou, coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello do Porriño e o Club Porriño Baloncesto Base (PBB), a Copa Galicia de Baloncesto Adaptado Xogo 2024, que tivo lugar hoxe no pavillón municipal de deportes da vila.
O longo da xornada matinal disputáronse os partidos da categoría Xogo, deixando a clasificación con San Rafael, como primeiro clasificado, ACEESCA, segundo, e ASPANAEX de terceiro.
Domi Salinas, director deportivo da FGDA, salienta que “as persoas participantes gañan sempre. O ambiente e ver compañeiros e compañeiras doutros clubs é moi gratificante para eles, que agradecen enormemente estas xornadas de convivencia”. “É unha marabilla traballar con estas persoas, casi nin fai falta arbitrar, xa que eles mesmos paran a competición cando se percatan dalgunha falta ás normas do xogo”, engade Salinas.
Albel Estévez, concelleiro de deportes declara que “desde o Concello do Porriño sempre apoiaremos a FGDA. Estamos encantados de acoller os seus membros na nosa casa e continuar con esta colaboración. Consideramos que é esencial para a integración de todo o mundo no deporte no Porriño”. Na mesma liña se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, agradecendo que a “FGDA conte sempre co Porriño para a organizacións destes eventos deportivos, para nós é unha honra acoller os valores que representan e cos que nos sentimos aliñados”.