Desde mediados de febreiro está en marcha o Plan Integrado de Emprego (PIE), un completo programa dedicado a mellorar a empregabilidade no Porriño das 100 persoas participantes ó longo do ano. A día de hoxe, “estamos moi contentos co resultado obtido ata o de agora, cun 40% de inserción laboral en tan só estes meses e con máis incorporacións previstas nas vindeiras semanas. O obxectivo inicial do programa era do 45% de inserción e xa pronto o lograremos”, declara Rosario Costas, Concelleira de Emprego e Formación.
Esta mañá o Alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con Costas fixeron a entrega dos diplomas dos 13 cursos impartidos ata o de agora en diferentes competencias e niveis: habilidades sociais, técnicas de venda, emprendemento, búsqueda de emprego, manipulación de alimentos, manexo e uso seguro de carretillas elevadoras, entre outros cursos.
Dentro deste Plan, ofrécense tamén cursos de coaching, novas tecnoloxías ou idiomas, entre outros.
O rematar a formación teórica, hai unha parte de prácticas en empresas. “Tratamos sempre de buscar empresas que teñan postos que ofrecer o terminar as prácticas. Valoramos moito esas prácticas ao finalizar as formacións teóricas, porque é o contacto coa realidade”, explica Rosario Costas.
“Agradecemos ás empresas a súa colaboración e a predisposición que mostran de contar para as súas prácticas cos usuarios/as do programa”, conclúe Alejandro Lorenzo.
Accións de información, orientación, formación e asesoramento para conseguir emprego
O Plan Integrado de Emprego contempla o desenvolvemento de accións de información, orientación e asesoramento para a procura de emprego. Ditas accións teñen carácter transversal a todas as actuacións do programa e consisten nun seguimento personalizado de inserción adaptado e individualizado para cada unha das persoas desempregadas.
Ademais, tamén se imparte formación, coa organización de diversos cursos. Así, de maneira complementaria ás accións anteriores, levan a cabo técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea. E desenvolven diversos obradoiros nos que adestran as habilidades sociolaborais ou a simulación de entrevistas de emprego.
Outras das accións para executar dentro do Plan Integrado de Emprego son o fomento e capacidade emprendedora, prospección empresarial e obradoiros sobre mobilidade laboral. Ademais, realízase un casamento adecuado entre oferta e demanda, recollendo a oferta existente na contorna e seleccionando ás persoas candidatas idóneas para cubrila.
Finalmente, unha vez concluída a formación teórica e práctica, compleméntase coa realización de prácticas non laborais en empresas colaboradoras baixo a supervisión dun titor. Estas prácticas sempre se levan a cabo en empresas que estén en condicións de contratar nese momento.
Este Plan conta cunha subvención por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de 220.000 euros, que, xunto aos 55.000 euros de achega municipal, suma un total de 275.000 euros dedicados a mellorar a empregabilidade en Porriño.