A Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño, celebra este domingo, 12 de maio, a súa popular Festa dos Cachos, un evento tradicional que cada ano reúne a centos de comensais.

Prepararanse máis de 200 cachos que se poderán degustar a partir das 12 h, cando arranque a festa coa sesión vermú, pulpeiro, animación, rosquilleira e unha gran carpa onde degustar as centolas.

A partir das 13 h tamén se servirán os cachos nos restaurantes O Xantar de Pepa e Cólleo con Pinzas.

A orixe da Festa dos Cachos no Porriño

A historia desta festa vén de lonxe, remóntase á resistencia porriñesa para evitar a entrada dos franceses na vila. Para conmemorar aquel momento histórico levantouse un cruceiro no Porriño e, ao redor del, foi crecendo un barrio que se converteu nun dos máis emblemáticos da vila.

Honrando ao Cristo dos Aflixidos  comezou a celebración dunha festa en maio e aos elementos relixiosos fóronse sumando outras actividades de lecer, entre elas, a parte gastronómica coas centolas como protagonistas; un marisco que aquí chamamos “cachos” como se coñece desde entón ao barrio.