O actor Diego Caro, veciño do Porriño, visita o Concello para presentar e comentar o filme no que participa “As Neves”, un thriller dirixido por Sonia Méndez. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o Concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, escoitaron de primeira man as impresións do actor porriñés sobre a rodaxe e a presentación da longametraxe, que xa está na carteleira dende o pasado venres 10 de maio.
As Neves é un thriller de Sonia Méndez
O filme conta a desaparición dunha moza, durante a celebración do entroido no pobo ficticio de As Neves, na montaña lucense. Unha tremenda nevada e a caída de internet dificultan a búsqueda da protagonista e a investigación. Este feito marcará as vidas dos amigos para sempre.
Diego Caro é Óscar, un dos integrantes do grupo de amigos de As Neves, e o elenco o completan Andrea Fernández (Erea, a rapaza desaparecida), David Rodríguez (Manu), Antía Mariño (Paula), Xacobe Bruña (Diego), Irene Rodríguez (Sabela), Santi Carmena (Breo), Jennifer Soto (Paloma), Adriana Fernández (Bea), Lucía Veiga (sarxento Portas), e Luisa Merelas (avoa).
Caro confesa que aínda que As Neves é a súa primeira longametraxe, xa tivo unha pequena participación no filme “Life is Life”, de Dani de la Torre. O seu soño de neno de ser actor convertiuse en realidade, aínda que Caro ten claro que o seguirá compaxinando co grao en Comunicación Audiovisual que está cursando en Pontevedra, para poder ter “unha visión completa do que é a industria audiovisual, tanto diante como detrás das cámaras”. “Asistir a unha rodaxe real é unha aprendizaxe brutal, no que te nutres de actores xa veteráns, coma Lucía Veiga, e de todos os compoñentes do equipo de grabación”.
No Porriño, os asistentes ao Festival de Cine de Cans, poderán disfrutar da proxección de As Neves o venres 24 ás 17:30 no Baixo de Bugarín. “Será unha pasada ver os meus amigos e veciños en Cans”, confesa Caro.
Alejandro Lorenzo convida a “todos os porriñeses e porriñesas a ver As Neves, un filme con mensaxe para adolescentes e adultos, que quedará na historia do noso pobo coma o primeiro film de Diego, un actor que de seguro nos vindeiros anos traerá un Mestre Mateo e outro Goya para O Porriño. Talento e tenacidade non lle falta”.