O vindeiro mércores día 15, os/as alumnos/as da Escola Municipal de Música do Porriño festexarán o Día das Letras Galegas con toda a veciñanza e visitantes a partir das 19 horas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios, ou no Círculo Recreativo Cultural en caso de chuvia.
Neste festival, organizado polo Concello e a Agrupación Musical do Porriño, presentarase a Banda Infantil, unha nova formación dirixida por David Trastoy Oseira, que conta con instrumentos de vento madeira, vento metal e percusión, tocados por unha ducia de estudantes da Escola de entre 8 e 14 anos de idade. “É un comezo para asentar las bases dunha banda de música de calidade e referente para o futuro no Porriño”, declara Trastoy.
O festival das Letras Galegas contará tamén coas actuacións dos/as pequenos/as de Música e Movemento, a Coral Infantil, a Coral Polifónica, o Grupo de Música Tradicional e a Banda de Música.
A maiores da celebración das Letras Galegas, a programación musical continúa o sábado 18 co Festival de Bandas de Música a partir das 12 horas, e o Festival de Corais ás 19:30, na praza do Arquitecto Antonio Palacios. En caso de choiva, as actuacións das bandas de música terán lugar no Círculo Recreativo Cultural; e as das corais, na Igrexa de San Rosendo de Torneiros. As agrupacións participantes serán a Banda de Música do Conservatorio de Verín, a Agrupación Musical do Porriño, a Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar, a Coral Frol Nova do Círculo Cultural de Chapela e a Coral Polifónica do Porriño (EMMus Porriño).
A Escola imparte as súas clases desde principios de curso no edificio do Centro Cívico na avenida Domingo Bueno.
A Escola de Música dirixe seis agrupacións
Este curso a Escola está dirixida por David Trastoy Oseira, e a compoñen trece mestres/as máis que imparten as clases das diferentes disciplinas e instrumentos, ademais de dirixir seis agrupacións.
“A música axuda no aumento da memoria, da atención e da concentración”
Bienvenido Estévez, concelleiro de Cultura
“A Escola de Música é un motor na vida social, cultural e educativa no noso municipio. É ben sabido que a música axuda no aumento da memoria, da atención e da concentración tanto en nenos/as como en adultos/as, e desde o Concello apoiamos todas estas actividades tan beneficiosas para a nosa veciñanza”, salienta Bienvenido Estévez, concelleiro de Cultura.
Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, conclúe que “a fusión da música e as letras é un dardo directo ao corazón, por iso que mellor que festexar o día das Letras Galegas co son da nosa Escola de Música. As emocións están aseguradas”.