O mundo do running ten unha cita no Porriño o vindeiro domingo 28 de abril nunha nova edición da ‘Porriño 10k’. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron a XV edición da proba a pé de pista, xunto cunha nutrida representación de directiva, equipo deportivo e atletas do Atletismo Porriño.
 
Como cada ano a clásica carreira OPK10, organizada polo Concello do Porriño e o club Atletismo Porriño, disputarase xunto coa proba OP5K, nun circuíto de 5 km no centro urbano homologado pola RFEA.
Así, os amantes deste deporte poderán correr un ano máis polas rúas da vila nesta edición que xa ten aberta a inscrición. As persoas que queiran participar xa poden inscribirse ata o 16 de abril na seguinte ligazón: https://ccnorte.com/…/ide/2745/xv-carreira-ou-porrino-10k
 
A carreira de pitufos e chupetes non require de proceso de inscrición e poderán participar na mesma presentándose na liña de saída á hora estipulada.
 
A proba de 10K ofrecerá unha atractiva gama de premios en metálico para recoñecer o desempeño excepcional dos participantes. Haberá premios por clasificación aos tres primeiros en cada unha das categorías masculinas e femininas, de 500 euros para o primeiro posto, 350 para o segundo e 200 para o terceiro.
 
Cabe destacar que a OP10K conta con records establecidos por destacados atletas en edicións anteriores. O masculino osténtao Alejandro Fernández, que completou a carreira nun tempo de 00:29:23 no ano 2015, e o feminino Ester Navarrete, quen rexistrou un tempo de 00:34:38 en 2019. Co fin de recoñecer o esforzo e a dedicación que conleva a preparación e competición nunha proba desta natureza, outorgarase un premio especial de 500 euros ao atleta feminino e/ou masculino que logre bater o record na súa categoría.
 
“Un ano máis seremos epicentro do atletismo podendo gozar de deportistas de primeiro nivel nas nosas rúas”, explicou o alcalde, “Podemos dicir que se trata da gran festa do atletismo, que cada ano reúne a miles de persoas na vila, entre participantes e público. E isto require dun gran traballo de organización que agradecemos enormemente ao club de Atletismo Porriño”.