O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, fixeron hoxe balance da xestión realizada polos Servizos Sociais do Concello do Porriño, un departamento fundamental para protexer ás persoas máis vulnerables.

O Goberno Municipal mantén a súa forte aposta por este área tan sensible, invertindo no último ano máis de 2,5 M de euros, un 31,14% máis que no anterior exercicio. O reforzo da inversión na atención social por parte do executivo incrementouse nun 68,13% desde o ano 2020.

“Os Servizos Sociais son un eixo fundamental do Concello dando resposta á veciñanza máis vulnerable e que máis o necesita”, apuntou o alcalde, “O traballo que realizan moitas veces é invisible pero sen eles deixaríamos a moita xente atrás. Por iso reforzaremos sempre as nosas políticas sociais e tamén inversión”.

As cifras reflicten a importancia dos Servizos Comunitarios, que pechan o 2023 con 5.928 atencións de información, orientación e asesoramento á veciñanza no que respecta a recursos públicos en xeral.

Ademais, lévanse a cabo diferentes programas municipais creados directamente para respostar a necesidades detectadas a través da propia actividade do departamento. Entre eles, o Programa municipal de emerxencia social, do que se tramitaron 85 solicitudes relacionadas con necesidades de carácter básico (alimentación, farmacia, etc…) e outro de caracter urxente, o Programa de Bono enerxético municipal do que se benefician 213 familias, o Préstamo de axudas técnicas que resolveu de xeito favorable o prestamo de 13 camas articuladas e 3 grúas eléctricas, a intervención no Servizo de axuda no fogar que atende a 147 persoas, Xantar na casa con 14 usuarios ou a Teleasistencia, tramitando o traslado de 59 usuarios ao sistema de Dependencia.

Outro dos programas fundamentais é o programa de alimentos SOS Porriño, no que causaron alta o pasado ano 222 familias, ao que hai que sumar Xoguetes polo Nadal que achegou lotes de xoguetes libros a 109 menores.

Infancia e educación

A infancia e a educación é un dos grandes núcleos deste departamento, intervindo a través de diferentes programas. No marco do Programa de Educación Familiar atendeuse a 130 familias, 80 persoas participaron no Programa de formación básica para familias en situación de risco, centrándose na preparación do graduado da ESO, e 81 menores o fixeron no Programa de reforzo escolar. Cabe destacar deste último o alto nivel de satisfacción das familias e a mellora dos resultados académicos dos pequenos/as. Ademais, está funcionando como un importante elemento prpotector fronte ao abandono escolar. Destacable tamén é o Servizo de Atención Temperá, que atendeu a 89 menores.

Maiores

Os maiores tamén xogan un papel importante no día a día dos servizos sociais con programas de respiro familiar, Obradoiros de prevención do deterioro cognitivo no que participaron 36 persoas, Depotermal ou Tempo para Nós, con máis de 310 usuarios/as. Á xestión nesta área hai que suma as tramitacións da área de inclusión, dependencia, discapacidade ou pensións non contributivas.