O Concello do Porriño segue traballando co obxectivo de sensibilizar á veciñanza en xeral da gravidade e dimensión do problema da violencia contra as mulleres e, á vez, avanzar na prevención destas condutas violentas. Neste eido, dende a concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, inclúen na súa folla rota tamén a necesidade de dotar ás mulleres das ferramentas necesarias para defenderse dun ataque adquirindo coñecementos de defensa persoal da man de persoal cualificado.
A proposta abrangue dúas iniciativas: unha dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria e unha segunda dirixida ás mulleres en xeral aberta a participación de todas aquelas que queiran formarse.
Hoxe desenvolveuse a primeira das sesións, no IES Pino Manso, na que participaron os alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato. Comezaron cunha ponencia sobre a violencia machista da man de Juan Antonio Sagredo, fiscal en violencia de xénero do partido xudicial de Ponteareas con máis de 20 anos de experiencia. A continuación, da man de axentes da policía local e expertos en defensa persoal, comezou a sesión práctica na que as rapazas, acompañadas polos seus compañeiros de clase, aprenderon maniobras de defensa para solventar un posible ataque.
O día 2 a actividade desenvolverase no IES Ribeira do Louro.
As quendas abertas ao público serán os días 13, 20, 27 de abril e o 4 de maio, no pavillón municipal, e contarán coa intervención do maxistrado Juan José Trashorras, titular do Xulgado Penal número 1 de Pontevedra. Serán de 10 a 13 h.
Están dirixidas a mulleres, co fin de desenvolver máis confianza nelas memas e no seu entorno, implementar estratexias de preveción e detección de situacións de perigo, integrando na súa vida diaria hábitos de seguridade persoal e promovendo a súa confianza e autoestima.
Para participar non é preciso inscripción previa.