O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar que este ano, os usuarios de Afaga, entidade sen ánimo de lucro dedicada ao apoio de persoas maiores con deterioro cognitivo, especialmente relacionado co Alzheimer, serán os pregoeiros do Entroido.
Afaga, recoñecida pola súa labor na colaboración con distintas administracións, destaca por ofrecer unha variedade de terapias, obradoiros e actividades que buscan previr e ralentizar o deterioro cognitivo dos nosos maiores.
Este recoñecemento como pregoeiros do Entroido é unha homenaxe á súa inestimable contribución á comunidade, destacando o papel activo e vital que teñen os nosos maiores na sociedade.
“A elección dos usuarios de Afaga como pregoeiros non só celebra o seu espírito e aportación á vida comunitaria do Porriño, senón que tamén busca xerar conciencia sobre a importancia do coidado e a inclusión das persoas con deterioro cognitivo en todas as esferas da vida pública e cultural”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “É unha verdadeira honra que sexan os pregoeiros do noso Entroido”.
Así, dende o Concello convidan á veciñanza a participar no Entroido e a apoiar esta iniciativa, que reflicte o compromiso do Porriño coa inclusión e o respecto á diversidade.