Escolares do CEIP Xosé Fernández López, CEIPP Antonio Palacios e CPR Hermanos Quiroga inauguraron hoxe as visitas guiadas á Casa Consistorial nas que participarán preto de 400 cativos/as do Porriño.
A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX organizan esta actividade en colaboración cos centros educativos co obxectivo de que o alumnado coñeza un pouco máis o funcionamento da Casa Consistorial, á vez que se dinamiza a lingua e cultura galegas. A técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González, será nesta ocasión a encargada de guiar o alumnado polo edificio do Concello para dar a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos en que se organiza e, ao cabo, o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeño glosario galego-castelán de termos cotiáns dun concello, fan que as visitas guiadas deste ano teñan a lingua galega como o elemento catalizador. Deste xeito, as nenas e nenos do Porriño percorrerán os corredores das dependencias municipais, entrarán no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que coñecen a importancia da lingua nunha Administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística.
A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González, explicou que con esta iniciativa de portas abertas dirixida aos/ás escolares do municipio “pretendemos darlles a coñecer en profundidade o Concello para que tomen conciencia da importancia de participar na vida municipal, á vez que dinamizamos o uso da lingua galega nun grupo de idade que non adoita usala miúdo”.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, aproveitou a visita para preguntar aos/ás pequenos/as polas súas demandas e impresións, e tamén para contestar ás súas dúbidas sobre como funciona o Concello. “É un luxo recibilos e escoitalos, as súas propostas, a súa opinión sobre o que pasa no seu pobo e o que queren para el é e debe ser moi importante”, explicou o rexedor, “Son parte moi importante do Porriño, o seu futuro, e deben ser parte activa, na maior medida posible, da vida municipal”.