O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, mantivo hoxe unha xuntanza co responsable da ONG Diversidades e presidente de Red Acoge, Santiago González, e a directora xeral de Red Acoge, Lucía Maquieira, para coordinar entre ambas entidades a atención que se presta ás 40 persoas migrantes que foron acollidas no municipio e mostrar a disposición do Concello do Porriño a contribuír no que sexa preciso.
Tras a xuntanza o Concello do Porriño e a Federación Red Acoge queren trasladar o seguinte á veciñanza:
- Agradecer á cidadanía do Porriño a súa resposta exemplar, mostrando a súa solidariedade como ten acontecido ante outras emerxencias humanitarias.
- Salientar que o Programa de acollida a persoas migrantes conta cos recursos precisos para dar cobertura ás necesidades básicas polo que NON SE REQUIREN DOAZÓNS de roupa, comida ou outros enseres. No caso de detectarse necesidades concretas faríase un chamamento especificando as mesmas. Neste programa de resposta humanitaria as organizacións sociais acompañan ás persoas acollidas cunha atención integral e especializada, con acollida temporal, cobertura de necesidades básicas e equipos interdisciplinares que inclúen tradución, orientación e asistencia xurídica, atención psicolóxica e psicosocial ou asistencia sanitaria para asegurar as condicións necesarias nesta situación de emerxencia.
- Facer un chamamento a que se RESPECTE A PRIVACIDADE DAS PERSOAS ACOLLIDAS, non invandindo o espazo no que se atopan nin expoñéndoas públicamente. Trátase de xerar un entorno seguro sen que sexan sometidos a exposición, unha cuestión fundamental no proceso de acollida e inclusión tendo en conta o contexto de alta vulnerabilidade e violencia de quen se viu forzado a a migrar. Debemos garantizar un entorno seguro que favoreza a igualdade de trato e a condena social ao discurso que criminaliza e estigmatiza ás persoas que atravesan esta situación.