Este sábado 14 de outubro continúa a actividade de restauración ambiental no río Couso. Será a segunda das tres xornadas organizadas por Verdegaia en colaboración coa Oficina de Voluntariado do Concello do Porriño.
Tal e como relatan dende a asociación ecoloxista, a primeira intervención foi un éxito de participación e de traballo. Nun ambiente de inmellorable convivencia e coa participación de algúns cativos, os 13 participantes puideron retirar unha grande cantidade de lixo na que sorprendeu a cantidade de zapatos e incluso un parabrisas. Tamén comezaron coa eliminación de especies invasoras como o bambú e a tintureira, algo que permitirá á vexetación autóctona desenvolverse correctamente.
Aínda queda moito lixo e moitas invasoras para retirar ata conseguir restaurar o río Couso, polo que vos animamos a que vos sumedes este sábado na segunda xornada.
Programación
A actividade de limpeza e eliminación de especias invasoras no río couso consta de tres xornadas, todas elas en horario de 11 a 13 h, os sábados 30 de setembro, 14 de outubro e 28 de outubro. Nelas, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiranse luvas e ferramentas entre os participantes. Non é imprescindible pero se podedes levade botas de auga.
A participación é gratuíta pero é necesaria a inscrición previa en vigo@verdegaia.org ou no 691657039.
O punto de encontro será na rúa Leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior da vía do tren).